A nosa filosofía

Estas son as ideas e criterios que empregamos na escolla dos nosos produtos:

1. Utilización de compoñentes naturais na elaboración. Deben ser orgánicos, medioambientalmente sostibles, biodegradables, eficientes no uso dos recursos naturais, reciclados e reciclables, reutilizables, libres de tóxicos...

Sempre que sexa posible, os produtos estarán certificados ecoloxicamente (Ecocert, Ecocontrol, Ecogarantie, Icea, Imo Control...). De todos os xeitos, somos conscientes de que moitos non contan coa posibilidade de obter os ditos certificados dos organismos internacionais, pero si garanten un escrupuloso e coidado respecto polo medio ambiente. Por esta razón decidimos engadir ambos grupos na nosa web.

2. Funcionamento acreditado dos produtos. Non incluímos ningún produto que non teña garantida a súa utilidade. Por iso, todos e cada un dos artigos foron sometidos a rigurosos controis de calidade. De feito, comprobamos que algún produto certificado non servía para o fin para o que se creou, polo que optamos por non ofrecelo na nosa páxina.

3. Utilidade na vida cotiá. Non vendemos ningún produto na web que non axude no día a día. Pode ser moi ecolóxico ou moi sustentable pero temos claro que, se o único que provoca é frustración e malestar, non imos engadilo no noso catálogo.

4. Respecto polos dereitos laborais das persoas que traballan para as marcas que vendemos. Procuramos a información necesaria que nos garanta que os nosos produtos non proceden da explotación de persoas que non reciben un salario xusto ou que traballan en condicións insalubres.

5. Sustentabilidade. A nosa clientela pode estar segura de que a maior parte dos nosos produtos proceden de agricultura ecolóxica, respectuosa co medio, elaborados mediante procesos tradicionais e cun trato xusto.

6. Pluralidade. Somos conscientes de que o grao de compromiso co medio, a preocupación pola saúde, ou mesmo o poder adquisitivo varía dunha persoa a outra, por iso no noso portal tentaremos que se vexan reflectidas todas estas sensibilidades. Queremos axudar a aquelas persoas que xa están concienciadas no respecto do medio ambiente e na importancia dun coidado natural a que atopen produtos alternativos ao mercado habitual pero tamén achegarnos a aquela xente que aterra por primeira vez no mundo eco.

Queremos que Ecovai sexa unha páxina próxima á súa clientela, dinámica, onde esta participe dando a súa opinión e achegando as súas ideas. Por iso, animámoste a que nos envíes un correo electrónico a info@ecovai.com:

  • Se cres que algún produto, dos que incluímos no noso catálogo, non reúne algunha destas condicións.
  • Se coñeces algún produto que che gustaría que incluísemos na nosa web.